jump to navigation

Jueves 3 de Agosto de 2006

Libros de texto e educación de calidade

15:03 h | Artículos,Libros | Txemav | Trackback

Os libreiros e os editores andamos revolcados dende que o presidente da Xunta anunciou a ampliación do sistema de préstamo dos libros de texto á totalidade do cursos da Educación Primaria. Libreiros e editores apostamos, sen ningún tipo de matices e como temos reiterado dende hai moito tempo, pola gratuidade dos materiais escolares. Razóns hai abondas que xustifican a pertinencia desta medida, social e educativamente necesaria, ademais de recoñecida no texto constitucional e avalada polo carácter de servizo público universal da educación nos seus tramos obrigatorios. Porén, discrepamos da modalidade de préstamo -a dos libros reutilizables durante catro anos, propiedade do centro e non dos alumnos-, escollida tanto polos gobernos de Fraga e Touriño como fórmula de gratuidade, xa que consideramos presenta carencias educativas importantes, ademais de provocar efectos nefastos sobre a viabilidade do sector libreiro de proximidade, que en Galicia ocupa a case tres mil persoas nos seus mil douscentos puntos de venda, e un grave quebranto para o sector editorial en lingua galega, que actualmente destina o 40% da súa produción, en número de exemplares, ao sistema escolar.

As experiencias no emprego desta fórmula de libros reutilizables amosan que require dos equipos directivos dos centros un esforzo suplementario para a súa xestión e almacenamento (algún sindicato do ensino xa solicitou persoal administrativo para os centros de primaria); provoca a desigualdade entre o alumnado no acceso a libros en igual estado; impide utilizalos tal como foron concibidos (por exemplo, non se pode subliñar sobre eles, un procedemento de traballo intelectual básico a desenvolver dende a primaria); e, sobre todo, evita a presenza de libros nos fogares e a súa conseguinte valoración social, nun país como o noso onde a metade da poboación ten o seu único contacto co recendo deste pan da cultura impresa en galego por medio dos textos escolares.

Dificilmente poden atopar argumentos os defensores do préstamo de libros escolares usados -a non ser o do indubidable aforro que esta modalidade supón para a administración que a promove- para demostrar que vai contribuír a aumentar a calidade da educación que reciben os nosos escolares. Máis aínda, cando o goberno Touriño ampliouno de xeito precipitado, anunciándoo de forma tan propagandística coma confusa, sen consultar nin informar aos sectores profesionais implicados, e obviando circunstancias educativas tan relevantes como a non adecuación dos textos en lingua galega de 5º á nova normativa da RAG, proceso que as editoras completarían o curso 2006-2007. Cando sabemos que esta medida non foi contextualizada no conxunto da política xeral que sobre o libro e a promoción da lectura en galego poida desenvolver o novo goberno conxunto, eidos programáticos de acción ineludible para as Consellarías de Educación, Cultura e Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Non o esquezamos, en cuestión de lectura Galicia arrastra carencias gravísimas que lastran a súa competitividade: temos un consumo de libros moi por baixo do que nos correspondería (o 4,7% das vendas de libros do estado, cando supoñemos o 6,6% da poboación); posuímos un índice de lectura pública por habitante que é case a metade da media europea; carecemos de bibliotecas escolares, dotadas dos fondos necesarios (libros, materiais audiovisuais e accesos a contidos en liña) e do persoal docente imprescindible que permitan consideralas como a primeira e máis mimada das aulas dun centro educativo. Todas estas carencias teñen moito que ver co futuro do sector do libro en Galicia (tan fráxil e, ao tempo, entusiasta para transformarse nun sector estratéxico de innovación e valor engadido) e coa calidade e a excelencia que queremos para o sistema educativo non universitario.

É unha simplificación inaceptable identificar a gratuidade dos materiais escolares co sistema de préstamo. Sabemos que existen outras fórmulas, como a do cheque escolar e as axudas directas a todas as familias para a adquisición dos materiais escolares, que quizais puideran ser algo máis custosas, pero, tamén, máis eficaces educativamente, máis redistributivas e equitativas socialmente, máis dinamizadoras da lectura na sociedade e máis respectuosas coa lexítima viabilidade dos sectores libreiro e editorial, que tantos servizos lle teñen rendido ao país. Unha política integral para o libro galego non é un gasto, é un investimento en coñecemento e en cohesión e identidade para a sociedade. Razón pola que non debería ser imposible atopar un modelo de gratuidade dos materiais curriculares que aumenta a calidade da educación e, ao mesmo tempo, potencie a industria do libro e a lectura na nosa lingua.

Manuel Bragado.

1. ferradura en tránsito » contra o cheque escolar Jueves 4 de Junio de 2009 | 15:52 h

[…] Lean tamén este texto de Manuel Bragado, editor. […]